domingo, 23 de abril de 2017

OITAVA DE PASCUA

DOMINGO DA OITAVA DE PASCUA

2017




Unha frase do evanxeo: 

«Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.»

Reflexión:

O Evanxeo de hoxe non é un relato pascual máis. Non se trata só de contarnos como Xesús se apareceu, despois de morto, aos discípulos de diversas maneiras. O Evanxeo de hoxe móstranos unha forma diferente de atoparnos con Xesús resucitado, de chegar a sentir a esperanza e a vida nova que a súa Resurrección representa para nós. 

Tomás é o personaxe que nos permite coñecer ese camiño novo. É precisamente a incredulidade de Tomás a que nos permite descubrir ese camiño novo, cunha luz diferente que nos permite descubrir o verdadeiro ser de Deus, manifestado en Xesús de Nazaret. É un camiño que nos saca das veredas habituais e rutineiras para sorprendernos con outra posibilidade de vivir doutra maneira: ao modo de Deus. 

As palabras de Tomás "Se non meto o dedo no buraco dos cravos e non meto a man no costado, non creo" danlle pé a Xesús no Evanxeo para lanzarnos un desafío: "Trae o teu dedo, aquí tes as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado". É o Resucitado o que fala así. Pero refírese ao seu corpo dolorido, torturado, sanguento. Refírese ás súas feridas abertas. Unha vez máis a cruz e o sufrimento crúzanse no camiño do cristián que leva á resurrección. Xesús Resucitado maniféstase precisamente ao meter a man nas feridas do Xesús morto, do Xesús que recolleu no seu corpo torturado toda a dor do mundo e da historia, daqueles aos que lles tocou sempre a peor parte desta historia nosa. 

Actitude:

AMOSA:  As feridas curadas, o amor misericordioso de Deus.

Canción:

sábado, 22 de abril de 2017

OITAVA DE PASCUA

SÁBADO DA OITAVA DE PASCUA

2017




Unha frase do evanxeo: 

«Fóronllelo contar tamén ós demais, pero nin a eles os creron.»

Reflexión:

Destaca a incredulidade dos discípulos, pese ao testemuño de varios deles que viran ao Señor.
Nós celebramos unha Pascua tras outra, ano tras ano: como nos cala, como nos afecta, como alimenta a nosa fe e se traduce na vida? Sempre deixa algo, sempre. O paso de Deus nunca é en balde, diso podemos estar seguros. Hai que tomarse tempo de silencio e acougo para ler aquilo que Deus vai deixando escrito no máis profundo da alma. Hai que abrir as portas e xanelas do corazón para deixar saír o amor que Deus vai regalando para facernos don aos demais.

Actitude:

CONFÍA:  No poder de Deus.

Canción:

venres, 21 de abril de 2017

OITAVA DE PASCUA

VENRES DA OITAVA DE PASCUA

2017




Unha frase do evanxeo: 

«‑É o Señor.»

Reflexión:

Os discípulos pasaron toda a noite bregando e non colleron nada. Cando Xesús lles manda botar a rede é cando, ao realizar un acto de obediencia, sacaron a rede repleta de peces. Canto temos que aprender deste xesto! Por unha banda a paciencia para estar toda a noite; e por outro a confianza na Palabra de Deus, sen indagacións, aínda cando pareza que non coincide cos nosos esquemas, hai que ser obedientes. Dirá Pedro nunha das súas cartas: "A vosa salvación está en ser obedientes e en ter paciencia".

Actitude:

DOCILIDADE.

Canción:

xoves, 20 de abril de 2017

OITAVA DE PASCUA

XOVES DA OITAVA DE PASCUA

2017




Unha frase do evanxeo: 

«A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.»

Reflexión:

Os relatos das aparicións móstrannos a dificultade con que os primeiros discípulos viviron a experiencia da Resurrección de Xesús, do mesmo Mestre con quen viviu tres anos, ao que viron morrer na cruz. "Mirade, son eu en persoa", dilles neste texto de Lucas. Está vivo, presente, déixase tocar..., pero a súa realidade vai máis aló do visible. No Señor Resucitado perciben un Misterio que lles excede, unha Vida Plena onde a morte xa non ten físgoa. Nas súas palabras, os seus xestos descobren o gran Sacramento de Deus que foi, é e será. Coñéceno, pero descóbreno de novo. "Caen na conta de..." como os discípulos de Emaús: o pan, o viño, o compartir todo é xa Sacramento...

Actitude:

DEIXARNOS SORPRENDER:  Pola misericordia de Deus manifestada na Resurrección de Xesús..

Canción:


mércores, 19 de abril de 2017

OITAVA DE PASCUA

MÉRCORES DA OITAVA DE PASCUA

2017




Unha frase do evanxeo: 

«Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria? [...] Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?»

Reflexión:

Así como aos discípulos de Emaús, Xesús tamén se presenta próximo a nós, camiña ao noso lado, ten interese pola nosa historia, por aquilo que ao longo do camiño falamos, especialmente as desilusións da vida, as decepcións que temos..., e tamén nos pregunta: De que vides falando polo camiño? A súa pregunta diríxese a cada un de nós hoxe.

Cando a súa palabra chega ao noso corazón, na profundidade do noso ser, é capaz de facela arder no noso peito. Aínda que poidan existir circunstancias que impiden o seu recoñecemento, sabemos que a súa presenza fálanos e déixanos inquietos.  Como aos discípulos de Emaús, presentámoslle os feitos, os detalles da nosa existencia, El preséntase como Cristo; ensínanos a mirar o sufrimento e a dor con outros ollos, non con teorías, senón como alguén que viviu estas realidades na súa propia carne. Por iso é capaz de ensinarnos o valor salvífico da súa entrega por amor, do sufrimento por amor. Cando parece que o noso destino nos separara, que todo terminará nun intre agradable de conversa, El desexa permanecer connosco, participar da nosa intimidade, do compartir o pan, pero déixanos libres para convidalo ou non. Se o convidamos, sentará á mesa, compartirá do seu propio pan, e presentarase como o Señor resucitado.

Actitude:

DEIXAR:  Que a alegría da Resurrección nos transforme.

Canción:

martes, 18 de abril de 2017

OITAVA DE PASCUA

MARTES DE PASCUA

2017



Unha frase do evanxeo: 

«Muller, ¿por que choras? ¿A quen buscas?»

Reflexión:

María, ao non atopar a Xesús no sepulcro onde o colocaban, chora e segue buscando a Xesús. Chora por non atopar a quen tanto quería e segue buscando porque para ela fora e quere que siga sendo a fonte da súa vida. Sen el vaille a ser moi difícil vivir.

Para ser cristián, habemos de ter esas dúas actitudes de María. A primeira, chorar cando pensemos, polas razóns ou despropósitos que sexan, que Xesús desapareceu da nosa vida, morreu. Chorar porque se nos foi o que nos dá vida, sentido, esperanza. A segunda, por ser consecuentes, buscalo con todas as nosas forzas. Cando de novo o volvamos atopar, lembraranos que nunca nos deixou.

Actitude:

DA RAZÓN:  Da alegría da Resurrección.

Canción:

luns, 17 de abril de 2017

OITAVA DE PASCUA

LUNS DE PASCUA

2017




Unha frase do evanxeo: 

«‑Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.»

Reflexión:

Chamamos a esta semana que comezamos Oitava de Pascua, ou sexa, unha semana para profundar e degustar o que tan solemnemente celebramos onte, a Resurrección de Jesús de Nazaret. Para celebrar esta solemnidade hai que crer nela, porque hai moitas persoas que admiran a Xesús, que lles parece unha doutrina moi sabia a que predicou, pero que, como os atenienses no Areópago ante Pablo, cando se fala de resurrección, pensan, e algúns din: "Diso oirémosvos falar outro día". Sinxelamente cren que iso é unha lenda; bonita, si, pero pura ficción.

Por honradez, recoñecemos que o feito material da resurrección de Xesús non é constatable. Non hai restos arqueolóxicos nin fotos que o atestigüen. Pero, temos algo, para nós, máis importante e definitivo: o testemuño de persoas que, véndoO morrer nunha cruz, o mesmo Xesús que, logo enterraron nun sepulcro, constataron que estaba vivo. E esas persoas non son sospeitosas de confundir a un ser vivo cunha pantasma ou cunha alucinación. Vírono diversas persoas e o mesmo Xesús encargouse de demostrarlles que era el, o mesmo que morrera.

Hoxe o encontro de Xesús ten lugar cas mulleres, que se marcharon a fume de carozo do sepulcro baleiro; e que, impresionadas e cheas de alegría, correron a anuncialo aos discípulos. De súpeto, Xesús saíulles ao encontro e díxolles: Alegrádevos!.
Actitude:

COMPARTE:  A Alegría da Resurrección.

Canción: