luns, 18 de xullo de 2011

FESTAS DO CARME 2011

Remataron as festividades na honra da Nosa Señora do Carme, nas que fun convidado de honor a todos os actos, en calidade de oferente,  por parte da Confraría de pescadores de Muros, aos que dende aquí reitero as miñas máis expresivas grazas por terme concedido tamaña deferencia.
 Haber ostentado durante estes días a representación das xentes do mar, brindoume a oportunidade de dirixirme a Nosa Señora (axeonllado e humilde) como dicía nas miñas verbas,  para reiterarlle o compromiso coa devoción que todas as xentes que desenrolamos as nosas tarefas arredor do mundo do mar lle debemos.

 Antes da  celebración da misa solemne, no sitial privilexiado que tiña reservado para min a organización, repasei na miña memoria a vinculación que ten a xente do mar coa igrexa parroquial de Muros, e recordei que unha das capelas da nosa antiga Colexiata  foi financiada e construída no século XVII polo antigo Gremio de Mareantes de Muros, antecesor directo do que hoxe en día é a Confraría de Pescadores.
 Conta D. Ramón de Artaza e Malvárez  na súa obra “Páginas de su Historia”  que: “Tenia el Gremio capilla propia y sacristia dentro de la Colegiata que hoy son la capilla de la Concepción y el baptisterio, en las que celebraba sus funciones. Asistia a los actos públicos religiosos con su própio pendón o insignia…”
 As xentes do mar sempre estivemos ligados a nosa Igrexa, antes coa antiga e ancestral devoción a San Telmo e de forma máis recente a Nosa señora do Carme.
 Poder comprobar que o templo muradán énchese de fieis ano tras ano no día da Nosa Patroa é un orgullo para todos nós, pois iso amósanos  a realidade de que o pobo de Muros e o mar camiñan, camiñaron e camiñarán sempre collidos da man. Muros sen o mar non sería o que é, e o noso mar sen Muros tampouco sería o mesmo.

 Foi unha verdadeira mágoa que a procesión non puidera saír ás rúas por mor da persistente e inusitada choiva que nos acompañou toda a tarde do dia  dezaseis; iso privounos de poder achegar a imaxe da Nosa Señora a os peiraos da vila e ao mar, como é o habitual en tan sinalado día. Falando cos máis vellos da vila, ninguén lembraba que non puidese saír a imaxe da Nosa Señora as rúas a causa da choiva. Vaites! Espero que o feito de ser eu, (Manolo de Chuvasco) o oferente, non fose a causa de tan desgraciada circunstancia.

 Xa no día dezasete, como remate dos actos litúrxicos  e como se adoita a facer todos os anos precedentes, celebrouse o Acto en lembranza dos falecidos no mar.  De novo o templo muradán acolleu a unha multitude de fieis que compartiron a lembranza de todos os náufragos falecidos no mar e en especial aos fillos desta senlleira vila.
  Lígame unha moi especial vinculación persoal e emotiva con todo o referente as vítimas do mar, pois como co-fundador e socio da asociación nacional dos”NAUFRAGOS DE LA MAR” na que todos os anos e en diferentes localidades costeiras do noso país celebramos unha homenaxe aos falecidos no mar;  este Acto tivo unha connotación e unha emotividade moi directa para min.

 Como peche de todos os actos institucionais ,  no salón de plenos da Casa do Concello celebrouse a homenaxe aos vellos mariñeiros do concello de Muros. Máis de vinte homes de mar nados no ano 1933 foron agasallados por parte da Corporación Municipal e da Confraría de pescadores nunha fermosa  mostra de agarimo e recoñecemento aos homes que deixaron parte da súa vida e a case totalidade da súa mocidade  sobre as ondas de todos os océanos deste mundo. Algúns deles foron compañeiros meus nas tarefas do mar e todos, vellos coñecidos de todos nós. Digno e sentido colofón para estes días  que honra sobremaneira aos organizadores de tal acto.

Nosa Señora do Carme, grazas por acadar que os fillos desta antiga e leal vila de Muros, saquemos a relucir nestes días as nosas mellores prendas físicas e morais na túa honra e na túa lembranza! 


Manuel Martínez Caamaño
Mariñeiro


Mariñeiros homenaxeados no 2011 e nados no 1933

Ningún comentario:

Publicar un comentario