luns, 10 de marzo de 2014

Celebración das Confirmacións e Institución de Ministros Extraordinarios da Comunión


O domingo 9 de marzo 32 moz@s recibiron o Sacramento da Confirmación de mans do Arcebispo de Santiago, Don Julián Barrio. Recibir a Confirmación é celebrar que Deus nos fala e que recoñecemos a súa presencia en todo o creado. En palabras do Concilio Vaticano II: “Polo sacramento da Confirmación (os fieis bautizados), vincúlanse máis estreitamente á Igrexa, enriquécense cunha fortaleza especial do Espírito Santo e desta forma obríganse con maior compromiso a difundir e a defender a fe coa súa palabra e coas súas obras como verdadeiros testigos de Cristo” (Lumen Gentium 11). 
Por eso dicimos que a Confirmación é o sacramento polo que se nos dá a plenitude do Espírito Santo, que nos fortalece na fe para que podaimos afrontar con garantías de éxito as nosas responsabilidades cristiás. Por tanto, o crente que recibe este sacramento debe comprometerse, “está chamado a  dála cara” pola causa de Xesús.
O mesmo domingo e na mesma celebración da Eucaristía 7 persoas das parroquias de Muros e Serres recibiron o encargo de ser Ministros Extraordinarios da Comunión.
Na nosa nai, a Igrexa, son moi importantes as persoas que están sempre dispostas ó servicio xeneroso cara ós demais. Dentro deste grupo de fieis servidores, os ministerios (palabra que en latín ten, precisamente, este significado de servicio) son diversos: o servicio da caridade, o servicio da formación na fe, o servicio da liturxia,… Neste eido concreto de servicios sobre as cousas sagradas da liturxia, os ministros (servidores) da Eucaristía son uns cristiáns certamente especiais. Son especiais, porque a Igrexa coida moito dos Sacramentos; pois son o don máis prezado que Xesucristo nos deixou. E, dun xeito máis coidadoso aínda, a Igrexa coida da Eucaristía; pois nela está o noso Deus “realmente presente”.
Pois ben, dende o día 9 de marzo, contamos nas nosas parroquias da Unidade Pastoral de Muros, Serres e Sestaio cun novo equipo de servidores da Eucaristía. Este é un motivo para estar ben alegres. Tras un longo ano de encontros de formación, estes sete cristiáns fóronse preparando para asumi-lo servicio de Ministros Extraordinarios da Comunión. Estes sete homes e mulleres chámanse “ministros”, porque son “servidores” dos demais membros das nosas comunidades parroquiais. Chámanse “extraordinarios”, porque fan a súa función coma unha axuda “extra” para os cregos, que son os ministros ordinarios que normalmente distribúen a Eucaristía. Chámanse “da Comunión”, porque esa é a súa misión: distribuí-la Sagrada Comunión, facendo que non se alargue excesivamente o momento da comunión na Misa, cando asiste moita xente e un só cura tardaría moito en da-la Comunión a tódolos fregueses. Ademais, poderán leva-la Comunión ós enfermos nas súas casas, cando sexan requiridos para tal servicio.






















































Ningún comentario:

Publicar un comentario