mércores, 4 de maio de 2016

PEREGRINACIÓN DO ARCIPRESTADO DE ENTÍNS 22 DE ABRIL DE 2016

Invocación ao Apóstolo Santiago


Apóstolo Santiago: 
Durante a Pascoa imos lendo no libro dos Feitos dos Apóstolos coma os primeiros cristiáns ían medrando en número e eran ben vistos por toda a xente pola alegría e o amor de Deus que transparentaban. Lemos como se foron incorporando persoas de diversas procedencias aportando á igrexa a riqueza da diversidade; como foron xurdindo dificultades e problemas internos e externos: incomprensións, disensións, persecucións, pobreza nalgunha das comunidades; e, o máis importante, imos contemplando como dende o diálogo, e apoiados no amor de Deus manifestado en Cristo, se foi superando todo.
Aquí nos tes hoxe, unha ampla representación do arciprestado de Entís, situado entre as fermosas desembocaduras dos ríos Tambre e Xallas e que sube atas os cinco centos metros de altitude acollendo as terras do concello de Mazaricos.

Igual que aquelas primeiras comunidades somos distintos e diversos co que ten de dificultade e de riqueza. Sufrimos os problemas do despoboamento, a crise dos sectores pesqueiro, agrícola e gandeiro; sufrimos en carne propia ou na dos parentes, amigos e veciños as consecuencias da actual crise económica: desafiuzamentos, carencia do preciso para chegar a fin de mes, a soidade dos nosos maiores, emigración da nosa xente nova.
Non somos alleos as angurias dos cristiáns e dos que loitan pola paz e a xustiza que son perseguidos en moitos lugares do mundo, nin ó pranto de tantos milleiros de persoas que foxen da guerra e da fame e que morren no empeño ou son descartados polo mundo chamado civilizado.
Non nos é indiferente a falta de vigor cristián que se manifesta en moitas comunidades e parroquias.
Esperanzámonos con esas miles de iniciativas que seguen a xurdir por todas partes e que son signo do amor de Deus que segue a suscitar persoas para que dende todos os ámbitos da vida inspiren novos camiños de xustiza, de amor e de paz.
Neste Ano Xubilar da Misericordia, proclamado polo papa Francisco, achegámonos aquí para celebrar a ese Deus que ten entrañas de Nai, ó Deus de Xesús, e celebrar a súa chamada a vivir a Misericordia entre nós e para ofrecela a cantos nos rodean preto ou lonxe. Queremos que no noso mundo ninguén pase fame ou sede, estea espido ou en soidade, para que ningún dos fillos do Pai se sinta, nin estea, descartado da sociedade. Para que na nosa Igrexa non falten espazos de diálogo e comuñón, coma o Sínodo Diocesán e outras moitas iniciativas, e vaiamos medrando sempre na fidelidade ó Evanxeo.
Querido Apóstolo, non deixes de nos animar para que, coma ti, esteamos dispostos a dar a nosa vida e o noso ser na construción do Reino de Deus: “tendo entrañas de misericordia ante toda miseria humana, tendo sempre a palabra oportuna a carón do irmán que vive en soidade e sen amparo, estando dispoñibles ante quen se sinte explotado e deprimido e así sexamos parte da igrexa que neste mundo ten que ser fogar da verdade e do amor, da liberdade, da xustiza e da paz e todos atopen nela, en nós que a formamos, apoio para manter a Esperanza” (inspirado na Pregaria V b).

Queremos que este puzle exprese a unidade na diversidade e o noso compromiso na construción do mundo que Xesús soñou e polo que deu a súa vida.





































































Ningún comentario:

Publicar un comentario